Friday 03 de May de 2024

A Xunta renova a colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía para a atención psicolóxica a mulleres vítimas de violencia de xénero e para os homes con problemas de violencia no ámbito familiar


Dende o ano 2099, un total de 3.231 persoas foron atendidas polo programa de atención psicolóxica, e grazas ao programa Abramos o Círculo, foron atendidos 527 homes con problemas de control da violencia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella asinou hoxe un novo convenio de colaboración coa decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, e complementariamente para as súas fillas e fillos menores e outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero, e para a atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, cun orzamento total para os dous programas de 154.600 euros.

Dende o ano 2009, un total de 3.231 persoas foron beneficiadas polo programa de atención psicolóxica, das cales foron 2.273 mulleres, 846 menores e 112 persoas dependentes. E grazas ao Programa Abramos o Círculo, foron atendidos 527 homes con problemas de control da violencia.
O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero é para as e os menores e outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, iniciouse no ano 2004, e está dirixido a aquelas mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación. O orzamento deste ano para este programa é de 120.000 euros
O programa conta cunha psicóloga coordinadora e unha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, préstase un servizo telefónico de asesoramento e derivación para a atención terapéutica personalizada.
Inclúese ademais neste convenio unha serie de melloras como a cobertura da asistencia domiciliaria en caso de morte por violencia de xénero con carácter de urxencia e en días non laborables, de ser preciso; a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias, e a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.
Durante o pasado ano foron atendidas grazas a este programa 548 persoas, o que supón un incremento dun 54 por cento de usuarios con respecto ao ano 2014. Por provincias, na Coruña foron atendidas 247 persoas, na provincia de Pontevedra, 190 persoas, e nas provincias de Lugo e Ourense, 67 e 44, respectivamente, onde participaron un total de 120 profesionais da psicoloxía.
Abramos o círculo
Dende o ano 2001, a Xunta de Galicia colabora co Colexio no programa “Abramos o Círculo”, dirixido a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, mediante un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.
O programa ofrece dúas áreas de intervención: información e atención, e intervención psicolóxica personalizada. Conta cun/cunha psicólogo/a coordinador/a e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención profesional e inclúe a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala. Durante o ano pasado beneficiáronse un total de 114 homes, 60 da provincia da Coruña, 45 de Pontevedra, 6 de Ourense e 3 de Lugo. E participaron na intervención 83 profesionais da psicoloxía. O orzamento deste ano para este programa é de 34.600 euros
Ademais, no ano 2015 elaborouse e difundíronse, a través dos CIMs, centros de acollida, xulgados, centros de saúde, entre outros,un total de 10.000 exemplares do díptico informativo sobre o Programa Abramos o Círculo, coa finalidade de achegar información sobre o mesmo tanto aos/ás profesionais que traballan na atención a vítimas de violencia de xénero como á sociedade en xeral.